Festa do Ovo Frito e Queimada, inicio e peche das patronais de Cervo

As festas comezan este martes coa degustación gastronómica e rematarán co mercado tradicional e o aquelarre, o vindeiro sábado

Presentación da Queimada Popular de Cervo 2018. AXM

A 40 edición da Queimada Popular de Cervo, o vindeiro sábado, porá o broche de ouro ás festas patronais da parroquia, na honra de San Roque, que comezarán este martes coa Festa do Ovo Frito.

Catro mulleres –Sabela Blanco, Carla Díaz, Chus González e Raquel Blas– dirixirán neste 2018 a escenificación do aquelarre, que é distinta en cada edición. Comezará ás 23.45 horas, na Praza do Souto, e cando remate comezará a degustación da queimada. O Sonoro Maxín, Banda Crebinsky e Festicultores Troupe animarán o baile pola noite.

catro mulleres cervenses dirixirán a escenificación da lenda das meigas, que é diferente en cada edición

MERCADO TRADICIONAL

Desde hai 22 anos, a Queimada Popular de Cervo, que organiza a asociación cultural Airiños do Xunco, tamén se pode desfrutar de día. O Mercado Tradicional abrirá ás 10.00 horas, co paseo das autoridades previsto para as 12.00 e o pregón para as 13.00. Os asistentes poderán atopar todo tipo de postos de gastronomía e artesanía.

O alcalde, Alfonso Villares, a edil de cultura, Dolores García Caramés e Rafa Blas e Carlos Sanz, directivos de Airiños do Xunco, presentaron a cita.

OVO FRITIDO

O preludio das patronais cervenses será a Festa do Ovo Frito, unha cita gastronómica que namora multitudes coa súa sinxeleza. O evento, que organiza a Sociedade Deportiva Cervo-Sargadelos, ofrece un prato con ovos fritidos, chourizo e patacas fritidas a cinco euros, coa bebida incluída. O reparto comezará ás 20.00 horas. Desde as 23.00, o grupo Montreal animará a verbena.

la década prodigiosa será o atractivo da noite do mércores

NOSA SEÑORA E SAN ROQUE

A asociación O Rego Cachón encargouse do programa das patronais. O mércores 15, Día de Nosa Señora, haberá misa -desde as 13.00 horas- e sesión vermú. La Potencia e La Década Prodigiosa actuarán a partir das 22.00 horas.

O xoves 16 será o día do patrón. O inici o da misa está previsto para as 12.30 horas e o grupo con integrantes cervenses Alma Latina ocuparase da sesión vermú e da verbena.

Ademais, durante toda a semana poderá verse no edificio do consistorio vello unha exposicion de manualidades.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here